Éxito do operativo para garantir a seguridade dos milleiros de visitantes que elixiron Valdoviño para ver a eclipse

O alcalde agradece o “excelente traballo” dos efectivos que participaron no despregue

Valdoviño, 13 de agosto do 2026. A do mércores 12 de agosto do 2026 foi unha xornada sen incidencias de consideración en Valdoviño. A pesar de que milleiros de persoas ateigaron as praias e o conxunto da costa da localidade para desfrutar da eclipse solar, a histórica xornada discorreu sen grandes problemas. O dispositivo de seguridade cumpriu e, na zona da Frouxeira, un dos puntos quentes da xornada, o concerto nocturno axudou a escalonar a operación saída.

No día despois do evento astronómico do ano, o balance de urxencia municipal en materia de mobilidade e de seguridade é claramente positivo. Decenas de miles de persoas apostaron polos areais valdoviñeses para observar o fenómeno e as incidencias da xornada nada tiveron que ver con esta “peregrinación”.

A praia e contorna da Frouxeira e a costa de Meirás foron os emprazamentos polos que apostaron máis veciños e veciñas e visitantes para vivir a eclipse, se ben a afluencia de público deixouse notar en todo o litoral. No momento de máxima totalidade, os aplausos convertéronse na banda sonora, mestres cos móbiles e cámaras a maioría tentaba inmortalizar o instante.

O alcalde, Alberto González, subliña e agradece o “excelente traballo” desenvolvido polo máis de medio cento de persoas que tomaron parte no despregue, traballando antes, durante e despois para que todo funcionara da mellor maneira posible.

Seis policías locais, unha decena de persoas de Protección Civil, trinta socorristas, unha decena de operarios de Obras e mantemento, técnicos de distintos servizos municipais, reforzados pola Garda Civil (efectivos locais, unha unidade de Tráfico, Seprona, unha unidade de cabalería, efectivos do Grupo de Reserva y Seguridad de Madrid e un helicóptero) garantiron a seguridade.

A histórica xornada tivo como colofón o concerto de Luar na Lubre na Frouxeira, un espectáculo organizado pola Deputación da Coruña, que contribuíu a que houbera unha saída escalonada da praia, facilitando o tránsito. O Concello traballa este xoves na posta a punto da contorna dos areais tras a invasión de visitantes.