Éxito de participación e público no I Torneo de Tenis Praia Concello de Valdoviño

Tras a entrega de trofeos, alcalde e concelleiro de Deportes avanzaban que o Concello reeditará a cita o próximo ano coa vista posta na promoción da práctica deportiva nos areais do municipio

Xa temos gañadores do I Torneo de Tenis Praia Concello de Valdoviño-Escuela Justo al Revés disputado a pasada fin de semana na Frouxeira. Unha competición na que tomaban parte preto dun centenar de parellas chegadas de toda a provincia, constatando unha excelente resposta á iniciativa deportiva promovida pola Concellería de Deportes e a escola de tenis.

Así, Paula Vendaño e Lorena Touzo proclamábanse vencedoras nos dobles femininos tras impoñerse na final a Marta Forte e Carolina Martínez. Na categoría masculina, o trunfo foi para Sergio Jara e Jota, ocupando a segunda posición Rubén González e Dani García. En dobles mixtos, Paula Vendaño e Rubén González conseguían vencer na final a Lorena Touza e Dani García. Así mesmo, Paula Taboada e Gael Pita resultaron campións xuvenís, e Aarón Pita e Diego Fernández, subcampións da categoría. E, finalmente, en dobles pais e fillos, Iván e David Pita proclamáronse campións e Gael e César Pita, subcampións. 

O alcalde, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, que presidiron o domingo á tarde o acto de entrega de trofeos, valoraron moi positivamente o torneo, co que se busca promocionar esta disciplina deportiva na area, augurando así a súa continuidade o vindeiro ano.