Evangelina Hermida, a trobadora da Frouxeira, protagoniza a nova sesión do programa “Son de Aquí e escribo”

Será este venres ás 19,30 horas na Biblioteca Municipal de Valdoviño

Valdoviño, 2 de novembro de 2021. A nosa veciña Evangelina Hermida, veciña de Valdoviño e coñecida como a trobadora da Frouxeira na súa faceta literaria, protagonizará este venres a nova sesión do programa municipal «Son de Aquí e escribo». A cita terá lugar a partir das 19,30 horas na Biblioteca Municipal, dirixida a un público adulto, e para participar non será necesario retirar invitación como ata o momento. Iso si, as prazas cubriranse por orde de chegada ata completar aforo, será obrigatoria a mascarilla e gardaranse as distancias sociais.

Con 91 anos cumpridos, Evangelina publicaba hai 3 anos a súa primeira obra, titulada «Versos desde a marquesina». Tomaba o nome do espazo no que practicamente a diario, e dende hai anos, ocupa xunto a outras veciñas na estrada de baixada á praia da Frouxeira, coñecido xa popularmente como a Moncloa polos debates e conversas que se xeneran no mesmo. A publicación, un compendio de poesía, plegarias, historias e incluso algunha canción, está cargada de humor e círtica. Tal e como ela recoñecía, a súa foi unha vocación tardía, xa que comezou a escribir en 1991, pasados os 60 anos, e esa obra recollía toda esa literatura que foi creando ao longo de 20 anos. 

Tanto dela como da súa inspiración falará este venres na Biblioteca, compartindo co público os seus sentimentos e sensacións.