Estudantes do CPI Atios descobren as rutinas de traballo das mariscadoras a pé de Vilarrube

A iniciatíva enmárcase no proxecto municipal de posta en valor do litoral “Valdoviño Mar. Futuro a toda costa”

Alumnos e alumnas de 4º de ESO do CPI Atios puxeron a proba esta mañá os coñecementos sobre a actividade marisqueira aprendidos ao longo das últimas semanas nas aulas. E fixérono durante unha visita á desembocadura do río das Mestas e á praia de Vilarrube, guiada por dúas das mariscadoras que faenan na zona. Unha proposta destinada a pór en valor o litoral do municipio e visibilizar o traballo no mar.

Nos bancos marisqueiros nos que desenvolven a cotío o seu labor, integrantes da agrupación de mariscadoras a pé falaron das súas rutinas de traballo; mostraron ao alumnado os sistemas artesanais de extracción de bivalvos (sacho, fouciño…) e, tras a observación de cunchas de coquina, ameixa fina, ostra, berberecho, ou longueirón ensináronlles algunhas claves para diferenciar con éxito especies similares.

Coas visitas dos estudantes ao litoral, á que hoxe se sumaron as concelleiras de Turismo e Cultura, Rosana García e Jessica Sabín, preténdese reforzar conceptos traballados ao longo dos últimos días sobre a biodiversidade; a configuración, protección e usos da paisaxe costeira de Valdoviño e os oficios asociados á extracción de produtos do mar.

A iniciativa divulgativa, que continuará mañá, inscríbese no proxecto municipal «Valdoviño Mar. Futuro a toda costa», que financia o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, a través do GALP A Mariña Ortegal. Entre os obxectivos, están reivindicar o traballo de mariscadoras/es e percebeiros da localidade, tratando de que os máis novos descubran os valores da costa valdoviñesa como camiño para implicalos na súa conservación. A actividade completouse coa visita, coincidindo coa Semana Europea dos Xeoparques, a algúns elementos de interese xeolóxico do litoral do municipio como a antiga lagoa de Marnela.