Esteban Díaz Pérez, do Atletismo Narón, imponse na proba absoluta da “VII Volta ás Forcadas”

A pesar do mal tempo, un total de 200 atletas de todas as idades participaron nas carreiras deseovolvidas na contorna do encoro

Valdoviño, 16 de xuño de 2024.Animada xornada de atletismo en Valdoviño. A pesar de que o tempo non acompañou, 200 corredores/as de todas as idades participaron finalmente nas probas da VII Volta ás Forcadas, organizada polo Concello, co apoio da Federación Galega de Atletismo, e incluída este ano no circuíto da Deputación da Coruña. Gañou a carreira absoluta, Esteban Díaz, do Atletismo Narón; e Adriana Modia, do Atletismo Riazor Coruña fixo o mellor tempo entre as mulleres. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, seguiron a xornada e participaron na entrega de medallas.

Seguindo o guión, a partidas das 11 horas, arrancaba nas inmediacións do campo de fútbol Juan Sabín, en Vilaboa, as carreiras dos menores (con distancias, segundo a idade, de entre 100 m e 2,5 km), anticipo da proba estrela da competición. Un percorrido por asfalto de 9,2 km, ao redor do “mar interior” de Valdoviño, o encoro das Forcadas.

Un total de 131 atletas disputaron finalmente a carreira, que se iniciaba minutos despois do mediodía. O pontés Esteban Díaz, do Atletismo Narón, foi o primeiro en completar o itinerario, non exento de desniveis, nun tempo de 30’41’’). Foi unha axustada vitoria sobre Fernando Lorenzo, do Pasa ou entorna, que entraba en meta só un segundo despois. O terceiro posto foi para Adrián Garabato, do Club Atletismo Santiago. A primeira atleta en atravesa a liña de meta foi Adriana Modia, e completaron o podio Rebeca Soto, do Atletismo Narón; e Natalia Montero do Club Beni Gym Sport.

Finalizada a competición (ver todos os resultados), procedíase á entrega de medallas da competición, na que participaron os responsables municipais e José Ameneiros, directivo do Club deportivo Rosalía de Vilaboa. As cifras de participación na proba, destinada a fomentar o lecer activo e a dar a coñecer a contorna do encoro, duplicaron as cifras da rexistradas na edición anterior.

O Concello de Valdoviño agradece a colaboración da Cooperativa de Vilaboa na cita, así como o apoio brindado por parte de Policía Local e de efectivos de Protección Civil de Valdoviño.