Esteban Díaz faise co triunfo na proba absoluta da “VIII Volta ás Forcadas”

Ao redor de 220 atletas de todas as idades participaron nas carreiras desenvolvidas na contorna do encoro

Valdoviño, 15 de xuño do 2025. Calorosa e animada xornada de atletismo en Valdoviño. Ao redor de 220 corredores/as de todas as idades participaron finalmente nas probas da “VIII Volta ás Forcadas”, organizada polo Concello, co apoio da Federación Galega de Atletismo, e incluída no circuíto da XI Deputación da Coruña. A vitoria na carreira absoluta foi para Esteban Díaz Pérez, e Verónica Bugliot Fernández acadou o mellor tempo entre as mulleres. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, presenciaron o desenvolvemento da competición, xunto ao edil de Obras, Alejandro García, e posteriormente participaron na entrega de medallas.

Segundo o previsto, a partir das 11 horas, principiaban nas inmediacións do campo de fútbol Juan Sabín, en Vilaboa, as carreiras dos menores (con distancias, segundo a idade, de entre 100 m e 2,5 km), anticipo da proba principal da competición. Un percorrido por asfalto de 9 km, pola contorna do “mar interior” de Valdoviño, o encoro das Forcadas.

Nesta ocasión, foron 160 atletas os que tomaron parte na competición absoluta, que se iniciaba minutos despois do mediodía. Esteban Díaz, do Atletismo Narón, foi o primeiro en completar o itinerario, nun tempo neto de 33:04 minutos. Apenas sete segundos despois atravesaba a liña de meta Jaci Mello, do Club Atletismo Boiro. O terceiro clasificado foi Fernando Lorenzo, do AD. Náutico de Narón. A primeira atleta na clasificación xeral foi Verónica Bugliot, de Os corzos do Ortegal, seguida de Rebeca Soto, do Atletismo Narón, e de Inés Santiago (ver resultados)

Finalizada a proba, procedíase á entrega de medallas da competición, destinada a fomentar o lecer activo e a dar a coñecer a contorna do encoro que segue medrando. No acto, ademais dos representantes municipais, participou Javier Sabín, da Cooperativa de Vilaboa, á que dende o Concello se agradece a colaboración. A administración local subliña ademais o apoio brindado por parte de Policía Local e de efectivos de Protección Civil de Valdoviño.

Consulta aquí todos os resultados da VIII Volta ás Forcadas