Espectáculo de sombras chinesas e ciencia ficción este domingo na Casa da Cultura
A Asociación Teatral Paso de Valverde trae a Valdoviño “Ultrasónica”, o seu último espectáculo
Valdoviño, 30 de marzo de 2022. A Casa da Cultura de Valdoviño acollerá este domingo 3 de abril o espectáculo «Ultrasónica» da Asociación Teatral Paso de Valverde. Será no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 18 horas. Con entrada libre ata completar aforo, está dirixido a un público familiar, e con el o Concello conmemora o Día do Libro Infantil e Xuvenil. Así mesmo, a función inclúese na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña.
Realizado integramente no período de confinamento, «Ultrasónica» é un experimento que mistura a ciencia ficción coas sombras chinesas na que unha rapaza, do ano 2421, chamada Carolina Ultrasónica e o seu amigo alieníxena Pin viaxan xuntos polo espazo tendo mil aventuras. Nesta ocasión a sua misión será recuperar a fonte de enerxía vital para a Terra que o malvado interespacial Román Rodas Tolas roubou en Nova Compostela. Para iso viaxará por distintos planetas para atopar as pistas que os levarán ata o famoso criminal.
SOBRE A COMPAÑÍA
A Asociación Teatral Paso de Valverde foi creada en Arteixo en 2006 funcionando como un espazo de investigación e búsqueda do feito teatral baseado na proxección do corpo e da voz no espazo escénico. As principais vías nas que Paso de Valverde traballa son: investigación, creación e formación, as tres abordadas coa firmeza de quen pretende brincar como fan os nenos: con toda seriedade.