Enrique Artero exercerá de cicerone en dúas visitas guiadas á súa exposición de táboas “O surf chega ao Cantábrico”

O Océano Surf Museo abre inscricións nos percorridos, de balde, e que terán lugar este xoves e venres, coincidindo co Pantín Classic

Valdoviño, 24 de agosto do 2026. Tal e como se tiña avanzado na inauguración da mostra, Enrique Artero guiará esta semana dúas visitas á súa exposición de táboas “O surf chega ao Cantábrico”. Coincidirá no tempo co Pantín Classic, e deste xeito, plantéase como unha actividade complementaria ao campionato de surf. Haberá dúas convocatorias, este xoves 27 e o venres 28 de agosto, nos dous casos, ás 19:00 horas. A participación é de balde, con prazas limitadas e inscrición previa enviando un email ao enderezo oceanosurfmuseo@gmail.com.

A exposición inclúe unha coidada selección de táboas da colección particular de Enrique Artero, considerada a máis importante de España, con pezas únicas que forman parte da historia do surf a nivel mundial. A través delas, proponos unha viaxe pola evolución do surf no noso país dende as súas mesmas orixes. Entre outras, o público poderá ver a táboa coa que Jorge Imbert conquistaba a primeira edición do Pantín Classic; ou unha selección de táboas Jeronimo, unha das marcas pioneiras no noso país que, co tempo, chegaría a converterse na maior e máis relevante fábrica de táboas de Europa.

A exposición conta co apoio da Xunta a través da liña de subvencións das Festas de Interese Turístico de Galicia, e inclúese tamén no proxecto “Miradas ao mar: xornadas de divulgación sobre surf, turismo e patrimonio costeiro” que financia o FEMP e a Consellería do Mar a través do GALP A Mariña-Ortegal. Un proxecto promovido polo Concello de Valdoviño e financiado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura e a Consellería do Mar a través das axudas xestionadas polo GALP A Mariña-Ortegal. Executarase ao longo das anualidades 2026 – 2028 combinando divulgación científica, a sensibilización ambiental e a promoción turística.

 

TURISMO DE GALICIA