“Encrucillada” regresa este domingo a Valdoviño para avanzar os temas do que será o seu segundo traballo discográfico
A formación, que hai 5 anos presentaba na Frouxeira o seu primeiro disco, ofrecerá un concerto a partir das 19 horas no auditorio municipal
Valdoviño, 10 de maio do 2023. O grupo de música tradicional galega «Encrucillada» regresa a Valdoviño para avanzar en primicia algúns dos temas do que será o seu segundo traballo discográfico. Este domingo 14 de maio, como antesala da conmemoración do Día das Letras Galegas, ofrecerá un concerto no auditorio da Casa da Cultura. A partir das 19:00 horas, e tras a actuación da agrupación DalleKeDalle da Asociación Valdoviño Cultura Extrema, subirase ao escenario para compartir co público un repertorio co que regresan ás orixes, con música tradicional á que imprimen o seu particular e persoal selo.
A actuación de Valdoviño será tamén a primeira de «Encrucillada» tras a recente incorporación do intérprete Xoán Padín, que sumará a súa voz á de Elena Díaz. A formación complétase con Javier Rodríguez co acordeón, e cos irmáns Alberto e Óscar Maceiras -saxo e percusión respectivamente- e Antonio López -gaita e ocarinas-, estes últimos, integrantes do cuarteto tradicional que percorría a comarca nas alboradas das festas e do que nacería o grupo.
Regresan a Valdoviño, un municipio especial para a formación por canto foi A Frouxeira o escenario no que, hai cinco anos, presentaban o seu primeiro disco, «Marbán». Un disco que, como non, tamén soará este domingo.
Comentarios