Empresas e autónomos poden presentar oferta para optar á concesión de quioscos ou chiringuitos nas praias da Mourillá, Outeiro e O Rodo
Coa publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio das bases para a concesión de autorizacións, ábrese o prazo de 10 días naturais
Valdoviño, 1 de abril do 2026. O Concello de Valdoviño informaba esta mañá de que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio das bases para o outorgamento de autorizacións de explotación de servizos de tempada tal que a instalación de quioscos a pé de praia. Deste xeito, ábrese un prazo de 10 días naturais, contados a partir deste xoves 2 de abril, para que autónomos e empresas poidan presentar as súas ofertas para a concesión dos permisos destes negocios nos areais da Mourillá, en Meirás; Outeiro, en Lago, e O Rodo, en Marnela (Pantín). O trámite deberá cumprimentarse a través da sede electrónica ou rexistro municipal da casa consistorial, e as bases cos requisitos poden consultarse no taboleiro de anuncios e na web do Concello.
A elección dos emprazamentos dá cumprimento á normativa vixente, xa que establece para as concesións públicas unha distancia mínima destas instalacións a negocios de hostalería para evitar perxudicar a actividade económica dos segundos por parte de establecementos de tempada.
O documento, aprobado no último pleno extraordinario por unanimidade,establece que os quioscos ou instalacións móbiles ou desmontables terán unha ocupación máxima de 70 m², dos que 20 m² como máximo poderán destinarse a zona pechada. É competencia da Administración Xeral do Estado fixar o importe dos canons pola utilización ou aproveitamento do dominio público marítimo-terrestre, así como a titularidade dos dereitos económicos derivados de dita utilización ou aproveitamento. A modo orientativo e estimativo, establécese un canon mínimo para concorrer ao proceso que se detalla nas bases.
Específicase tamén que a concesión destas autorizacións non exclúe nin substitúe a necesidade de obter cantas licenzas, permisos, autorizacións, declaracións responsables ou demais títulos habilitantes que resulten legalmente esixibles por razón da actividade ou da normativa sectorial aplicable.
