Eloy Taboada trae ao Océano Surf Museo a exposición “On The Inside”

A mostra inaugurarase este venres coa presenza do fotógrafo e permanecerá nas instalacións de Valdoviño ata o 4 de xullo

O Océano Surf Museo de Valdoviño inaugura este venres 4 de xuño a exposición temporal de fotografía de Eloy Taboada «On The Inside», baseada na publicación co mesmo nome. Un libro de surf, que Taboada presentaba a finais de 2020 en Valdoviño, sen imaxes de olas, tubos ou  xiros e no que o seu autor explora a capacidade do retrato para captar á persoa que hai detrás do personaxe público que representa o surfista, amosándonos, segundo o caso, toda a súa forza e vulnerabilidade.

O acto de inauguración terá lugar a partir das 19,30 horas, coa presenza do autor e do alcalde, Alberto González, e por motivos de aforo, as persoas que desexen asistir deben anotarse previamente no correo do museo: oceanosurfmuseo@gmail.com.

A partir de entón, a mostra poderá visitarse ata o 4 de xullo -clausura que coincidirá coa do Pantín Classic-, en horario de martes a domingo de 11 a 14 horas e venres, sábado e domingo de 17 a 19 horas. Tamén en horario de Biblioteca de luns a venres de 16 a 20 horas (ata o 15 de xuño).

SOBRE O AUTOR

De formación autodidacta, Eloy Taboada ten colaborado con numerosas revistas  e medios de comunicación (Historia de National Geographic, Clío, Siria Magazine  e La Voz de Galicia, entre outros) e participado en numerosos proxectos  publicitarios e exposicións. En 2008, foi galardoado con dúas mencións de honra  nas categorías de Belas Artes e Natureza no prestixioso certame fotográfico  Inernational Photography Awards, Los Angeles (California), e en 2009 foi  seleccionado e galardoado de novo no certame fotográfico internacional Prix da  Photographie París-Px3. Entre 2007 e 2011, foi o fotógrafo da expedición  arqueolóxica da Universidade da Coruña en Siria, e dende o ano 2003 dirixe o  seu propio estudo, centrado na fotografía e outros proxectos artísticos.