Elisardo de la Cruz presenta este venres en Valdoviño “Esas cousas marabillosas” no marco do ciclo de monólogos “Únicos”
O espectáculo comezará ás 20:30 h no auditorio, con entrada gratuíta
Valdoviño, 16 de outubro de 2023. Tralo paso da tiktoker Leti Da Taberna polo escenario de Valdoviño hai uns días, o ciclo de monólogos «Únicos» continuará este venres coa participación de Elisardo de la Cruz, fundador de Empatía Teatro. A partir das 20:30 horas, presentará no auditorio a súa primeira produción profesional, “Esas cousas marabillosas”. Esta peza do galardoado dramaturgo e director Duncan MacMillan, converteuse nun fenómeno teatral a nivel mundial. HBO fixo un documental sobre ela, e hai algo máis dun ano, Elisardo de la Cruz levaba a peza ao Festival Internacional do monólogo teatral de Narón (SINGULAR), disposto a continuar esa marabillosa lista. Unha peza tenra, emocionante e divertida; unha comedia sobre a depresión e o suicidio, e unha obra que, como avanza o narrador, pode cambiar a vida do público… para ben.
A función chega a Valdoviño no marco da Rede Cultural da Deputación, e a entrada é gratuíta e libre ata completar aforo.
Ademais, da man do Concello de Valdoviño, o artista ofrecerá tamén o espectáculo o mesmo venres, pero ás 13:30 horas, para o alumnado dos últimos cursos da ESO do CPI Atios.