Elefante Elegante estreará este sábado en Valdoviño a súa última produción para o público infantil e familiar: “Kyoki”
A función terá lugar no auditorio ás 18:00 h con entrada de balde
Valdoviño, 11 de decembro de 2023. A compañía teatral Elefante Elegante estreará este sábado en Valdoviño a súa última produción para o público infantil e familiar: «Kyoki». A función, incluída na programación cultural de Nadal do Concello, terá lugar no auditorio ás 18:00 horas, con entrada de balde e libre ata completar aforo, e conta co apoio da Deputación a través da Rede Cultural.
A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e a interacción constante co dispositivo escénico, «Kyoki», que significa demencia en xaponés e alude a unha alteración da capacidade para recordar ou tomar decisións que aparece en persoas de idade avanzada, retrata un deses días catastróficos que a todos nos toca vivir de vez en cando, mais é tamén unha homenaxe ás persoas maiores que perdendo a cabeza recobran a inocencia que se perdeu polo camiño.
Creada en 2007 por María Torres e Gonçalo Guerreiro, Elefante Elegante crea espectáculos de teatro visual baseados no xesto e no movemento. As súas creacións buscan a universalidade, xurdindo da fusión de diferentes linguaxes: o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais, e os seus espectáculos teñen sido acollidos en Galicia, Portugal, Bélxica, Suiza, Francia e Italia.