Dores Pereira e Paula Lago presentan este venres en Valdoviño “Herbas da noite. Unha guía expresionista das herbas de San Xoán”

O acto celebrarase a partir das 19:30 horas na Biblioteca Municipal

Valdoviño, 18 de xuño de 2024. Dores Pereira e Paula Lago presentan este venres en Valdoviño «Herbas da noite. Unha guía expresionista das herbas de San Xoán». O acto, aberto á veciñanza, dará comezo ás 19:30 horas na Biblioteca Municipal. Nai e filla abordarán os contidos desta interesante publicación na que recollen os usos populares e propiedades das herbas que se apañan na véspera desta máxica data para mergullalas en auga e poñelas a serenar durante a noite para lavar a cara pola mañá.

A guía recompila 27 plantas -coa súa respectiva denominación popular e latina-, ademais dos trazos morfolóxicos básicos e información sobre os seus usos máis populares, ditos e receitas.

As ilustracións son obra de Paula Lago, licenciada en Arquitectura e moi ligada á creación artística, especialmente a pintura. Unhas ilustracións que acompañan ás herbas que buscan iluminar o texto máis que ser un reflexo fiel das plantas. Pola súa banda, Dores Pereira, profesora de Lingua Galega, encargouse da parte literaria, e plasma na obra a súa experiencia persoal con estas plantas, e ofrece información sobre usos medicinais, curiosidades, refráns ou cancións.