Dobre vitoria portuguesa no Pantín Classic 2020

Vasco Ribeiro e Teresa Bonvalot trunfan nas súas respectivas categorías

Os surfistas portugueses dominaron no Pantín Classic 2020, situándose no máis alto do podio tanto na categoría masculina como na feminina. Vasco Ribeiro, gran protagonista desde o arranque da competición, fíxose finalmente co trunfo entre os homes. Mentres que, entre as mulleres, a vitoria foi para a súa compatriota Teresa Bonvalot.

Pasadas as 18 horas deste sábado arrancaba o duelo final entre o vasco Aritz Aranburu, un vello coñecido do Pantín, do que foi vencedor en 2011, e Vasco Ribeiro. Un man a man no que se impuxo o portugués. Para el foi tamén o premio á mellor onda do campionato cun incrible 9,70 sobre 10 puntos. Completaron o palmarés os franceses Charly Quivron e Maxime Huscenot.

Na categoría feminina, o trunfo tamén se foi para terras lusas. E Teresa Bonvalot venceu na batalla final á francesa Pauline Ado, unha habitual do certame de surf valdoviñés. En terceira posición quedaron a francesa Maud Le Car e a vasca Nadia Erostarbe. E a mellor onda entre as deportistas foi para Yolanda Hopkins.

Coa entrega de trofeos, na que participaron representantes das firmas e institucións patrocinadoras, entre outros, o alcalde de ValdovIño, Alberto González, pechábase a competición deportiva da edición máis especial do Pantín Classic. O evento deportivo estivo marcado polas medidas extraordinarias activadas para evitar a transmisión do covid-19, entre as que se atopaban a necesidade de rexistrarse e descargar un código QR para poder asistir, a redución de aforo e, como non, a obriga de usar mascarilla e gardar as distancias de seguridade.