Doble cita con Papá Noel e o Apalpador este domingo en Valdoviño
Ás 18 h, o grupo de rock Papá Noel e os seus Duendes traerán á Casa da Cultura o seu espectáculo musical, con entrada libre ata completar aforo
Valdoviño, 15 de decembro de 2021. Doble cita en Valdoviño con Papá Noel e o Apalpador este domingo 19 de decembro. A xornada comezará coa actuación do grupo «Papá Noel e os seus duendes» que, a partir das 18 horas, ofrecerá na Casa da Cultura o seu espectáculo musical de Nadal. Ao remate, nenos e nenas poderán conversar co Apalpador en persoa, xa que ofrecerá unha recepción aos máis pequenos no centro cultural. Nos dous casos, a entrada é libre ata completar aforo.
A formación «Papá Noel e os seus duendes» está integrada por Fernando Esclusa (voz e guitarra); Alberto Dopico «Delpi» (batería e voces) e Francisco «Pocho» Taxes (baixo eléctrico e voces). En Valdoviño, a banda lapona de moda interpretará un repertorio de villancicos en tono de rock, convertindo as cancións populares de Nadal en ritmos bailables. Ademais, Papá Noel contaralles a súa historia, como os duendes fabrican os xoguetes, e por que cada ano trae regalos a todos as nenas e a todos os nenos do mundo.