Do chifro dun afiador ourensán á trompeta de Miles Davis: O Jazz de Ría celebra 10 edicións seguindo o rastro dunha melodía universal
O festival celebrará do 12 ao 16 de agosto en Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño a edición máis internacional da súa historia con artistas de Cuba, Arxentina, Perú, Palestina, Irlanda, Estados Unidos, España e Galicia
Valdoviño, 26 de xuño do 2026. A Costa Ártabra volverá converterse este verán en escenario de encontro entre música, territorio e memoria coa celebración da X edición do Festival Jazz de Ría, que terá lugar do 12 ao 16 de agosto de 2026 nos concellos de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño.
Onte á tarde celebrábase no Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón, a presentación desta décima edición que contou coa presenza de Marián Ferreiro e Alberto González, alcaldesa de Narón e alcalde de Valdoviño, respectivamente; a concelleira de Cultura de Neda, Marián Bello, e a deputada de Plans provinciais da Deputación da Coruña, Cristina García.
Pola súa banda, a directora do festival, Aitana Cuétara, foi a encargada de debullar o programa do festival poñendo en valor a traxectoria de Jazz de Ría como proxecto cultural compartido e como elemento dinamizador do territorio da Costa Ártabra. Cuétara explicou que o festival, fiel ao seu carácter itinerante, continuará desenvolvendo unha proposta cultural estreitamente vinculada os espazos naturais e patrimoniais da comarca, entendendo a paisaxe como parte esencial da experiencia artística e reforzando o seu compromiso coa sustentabilidade, a accesibilidade, a participación veciñal e a recuperación da memoria colectiva.
A directora do Jazz de Ría estivo acompañada polo saxofonista Ismael Cives e o acordeonista Fran Trashorras, que pecharon a presentación da 10ª edición cun repertorio de melodías da música popular revisitadas desde o jazz que serviron para introducir a identidade sonora desta décima edición, marcada por unha efeméride de enorme relevancia para a historia da música: o centenario do nacemento de Miles Davis, unha das figuras fundamentais do jazz do século XX, conectado dun xeito fascinante e pouco coñecido coa tradición musical galega.
Unha historia sorprendente
O fío condutor do festival será a historia da conexión entre Miles Davis e o chifro dun afiador ourensán, unha relación extraordinaria que demostra como os sons populares poden viaxar a través do tempo e converterse en parte do patrimonio musical universal.
En 1952, o etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax percorreu Galicia coa súa gravadora para documentar expresións da tradición oral. En San Miguel do Campo (Ourense) rexistrou a José María Rodríguez, afiador e capador, interpretando co seu chifro unha melodía asociada ao seu oficio: un son cotián co que estes traballadores anunciaban a súa chegada ás vilas.
Anos despois, aquela gravación chegou ata os arquivos musicais e foi reinterpretada por Miles Davis na trompeta ao comezo de The Pan Piper, tema incluído no mítico álbum Sketches of Spain (1960). Así, o son dun oficio popular galego acabou formando parte dunha das obras máis influentes da historia do jazz.
A edición máis internacional do Jazz de Ría
A X edición de Jazz de Ría será ademais a máis internacional da súa historia, cunha programación que reúne músicos procedentes de Cuba, Arxentina, Perú, Palestina, Irlanda e Estados Unidos.
A programación comezará o mércores 12 de agosto en Cedeira, no Miradoiro de San Antón de Corveiro, coa inauguración oficial da décima edición, que coincidirá coa observación da eclipse solar. A celebración comezará cunha sesión do produtor e picadiscos galego DJMIL e rematará cun concerto de Xabier Díaz.
O xoves 13 de agosto, o festival trasladarase á costa acantilada de Valdoviño, onde terá lugar o roteiro Balcóns ao Atlántico, coa intervención de Marina Vigo, Luis Bolón & Sandra Pérez no Castro do Rodo. Pola noite, na Praia do Baleo, actuarán Alejandro e María Laura, formación procedente do Perú.
O venres 14 de agosto, Narón acollerá no Pazo da Cultura o concerto do Ensemble 100xMiles, unha formación galega creada especificamente para conmemorar o centenario do nacemento de Miles Davis.
O sábado 15 de agosto, tamén en Narón, o festival propón unha xornada centrada na memoria e o relato que vertebra esta edición. Pola mañá terá lugar unha visita guiada ao Mosteiro do Couto da man de Quico Cadaval, dedicada á relación entre Miles Davis e o chifro do afiador ourensán José María Rodríguez.
Pola tarde, o Parque do Río Freixeiro acollerá unha xornada de concertos con Sarah Dowling meets Michael Kanan Trio (Palestina/Irlanda – Estados Unidos), Albert Cirera & Tres Tambors e unha das poucas oportunidades de ver a formación liderada polo saxofonista cubano afincado nos Estados Unidos, Yosvany Terry Quartet, en xira por Europa.
A clausura chegará o domingo 16 de agosto en Neda, na Ribeira de San Nicolás, ao pé da desembocadura do río Belelle, co concerto do músico de Tucumán (Arxentina) Manu Sija, poñendo o peche a cinco días de música e encontros en distintos espazos da Costa Ártabra.
Con dez anos de traxectoria, o Jazz de Ría continúa apostando por un modelo de festival que entende a cultura como ferramenta de transformación social e territorial, creando pontes entre a música, a natureza e as comunidades que habitan o territorio. O festival está promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, o Concello de Neda, o Concello de Cedeira e o Concello de Valdoviño. Tamén conta coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña, a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e AIEnRuta-Jazz.
JAZZ DE RÍA 2026 | PROGRAMACIÓN
Mércores 12 de agosto | CEDEIRA
Mirador de San Antón de Corveiro
19.00h – Apertura da X Edición de Jazz de Ría, coincidindo coa observación da eclipse solar. Concerto de Xabier Díaz
Xoves 13 de agosto | VALDOVIÑO
19.00h Praia de Pantín: Ruta ‘Balcóns ao Atlántico’
Coa intervención de Marina Vigo & Luis Bolón no Castro do Rodo
21.00h Praia do Baleo: Concerto de Alejandro e María Laura (Perú)
Venres 14 de agosto | NARÓN
Pazo da Cultura
Concerto do Ensemble 100xMiles, formación galega creada especificamente para conmemorar o centenario do nacemento de Miles Davis.
Sábado 15 de agosto | NARÓN
De mañá: Visita guiada ao Mosteiro do Couto da man de Quico Cadaval, arredor da conexión de Miles Davis co chifro do afiador ourensán, José Mª Rodríguez
19.00h: Parque do Río Freixeiro. Concertos:
Sarah Dowling meets Michael Kanan Trio (Palestina/Irlanda – USA)
Albert Cirera & Tres Tambors (España)
Yosvany Terry Quartet (Cuba)
Domingo 16 de agosto | NEDA
Ribeira de San Nicolás – Desembocadura do Río Belelle
Clausura do festival
Concerto Manu Sija (Arxentina)
