Dezasete establecementos de hostalería tomarán parte na I Ruta “Pasea e Tapea por Valdoviño”
O alcalde, Alberto González, e a concelleira de Turismo, Rosana García, presentaban a iniciativa, que se celebrará do xoves 1 ao domingo 4 de maio
Valdoviño, 21 de abril do 2025. O Concello propón desfrutar dun extraordinario percorrido polo territorio e a gastronomía do municipio a través da I Ruta Pasea e Tapea por Valdoviño, na que tomarán parte 17 bares, cafeterías e restaurantes. O alcalde, Alberto González, e a concelleira de Turismo, Rosana García, presentaban esta mañá a iniciativa, que se celebrará do xoves 1 ao domingo 4 de maio, coincidindo coa ponte festiva. En horario de mediodía, de 12:30 a 15:00 horas, os establecementos hostaleiros ofrecerán algúns dos seus mellores petiscos nunha sorprendente ruta de sabores da que sairá a mellor tapa de Valdoviño. A elección decidirase por votación popular, entre aqueles que completen o percorrido alomenos en 12 dos locais de 4 das parroquias que toman parte na iniciativa.
O alcalde valoraba moi positivamente a participación do sector, clave para impulsar o proxecto, e sobre todo, poñía en valor a calidade das propostas culinarias que conforman a oferta desta primeira edición. Engadía que con «Pasea e Tapea por Valdoviño» o Concello une dous dos principais atractivos turísticos da localidade: as súas paisaxes e a súa gastronomía, nunha iniciativa de apoio e promoción dun dos principais motores da economía local.
A ruta proposta conta con 17 paradas en 5 parroquias. En Lago: Pide&Pika (co seu pastel de carne, tortilla e grelos); Piruliña (Alegría de primavera) e Os Dous de Sempre (ovos e zorza); en Meirás: Casa Marino (tosta de cocido galego), O Bichesco (Brioche con stick de tenreira), Campo García (causita de polbo) e Area Branca (mini pizza de polbo á mugardesa); Sequeiro: A Trasanquesa (callos); Valdoviño: café bar Morriña (polo á Coca Cola), café bar Porta do Sol (patacas bravas), café bar Horizonte (albóndegas da casa), café bar Atlántico (Malo será), café bar Kami (costillar de Adán), Clandestino (futomaki de foie), Mare Nostrum (salpicón de marisco emulsionado) e El Paseo (bocaxeira de bocata e Frouxeira), Vilaboa: Teleclub (petisco á feira). Todas as tapas terán un prezo único de 1,5 euros, e o cliente recibirá un boleto co que poderá participar no sorteo de 3 cestas de produtos gastronómicos. Ademais, aqueles que completen a ruta por un mínimo de 12 locais de 4 das parroquias tamén poderán entregar a cartilla cos selos que irán recibindo nos establecementos e entrar no sorteo dun xantar ou cea no local que finalmente se faga co premio á mellor tapa.
Por último, alcalde e concelleira animan á veciñanza e visitantes a reservar datas en axenda e animarse a «Pasear e tapear por Valdoviño» do 1 ao 4 de maio.