Dezaoito persoas completan en Valdoviño o curso básico de Protección Civil
A acción formativa sumou na fase teórica e práctica 32 horas, e estivo organizada pola Asociación Provincial, a petición da agrupación local
Valdoviño, 25 de xuño do 2025. Dezaoito homes e mulleres completaban este mes en Valdoviño o curso básico de Protección Civil, formación necesaria e imprescindible para poder integrarse nalgunha das agrupacións locais de voluntarios. A fase teórica da acción formativa celebrábase no centro sociocomunitario, e a práctica desenvolvíase na contorna da casa da cultura. Unha e outra sumaban 32 horas, repartidas en 2 fins de semana.
O curso estivo organizado pola Asociación Provincial de AVPC de A Coruña a instancias da agrupación local coa vontade de facilitar a participación de persoas interesadas en sumarse como voluntarias, e foron compañeiros/as das AVPCS da provincia os encargados de impartilo.
Entre os seus contidos, abordáronse conceptos básicos, ademais de nocións de seguridade vial e comunicacións, ou intervencións vinculadas a incendios, e tamén, respostas fronte a emerxencias médicas.
