Valdoviño celebra este venres unha nova edición noctura do seu Mercado sostible
A cita, antesala do Pantín Classic, incluirá os concertos de Le BarLuthier e Los Nostálgicos
Valdoviño, 20 de agosto do 2025. Preto dunha vintena de firmas e artesáns participarán este venres en Valdoviño no V Mercado Sostible, organizado polo Concello baixo o lema de “Surf, praias, e vida”. Desta volta, e tras a boa acollida do pasado verán, será unha edición nocturna. A Porta do Sol volverá converterse en escenario deste evento, antesala do Pantín Classic, que arrancará ás 19 horas e que se prolongará ata a medianoite, contando cunha ampla programación de actividades paralelas.
Como vén sendo habitual, o principal reclamo deste mercado serán os postos de exhibición e venda de produtos ecolóxicos, de proximidade, e artesáns. A oferta incluirá un total de 17 firmas, algunhas delas locais, de sectores variados que van dende a moda e os complementos (roupa, bolsos, bixutería, gafas e reloxos en madeira, detalles …) ata a alimentación, pasando pola cerámica, as ilustracións ou o comercio xusto… E, como en ocasións anteriores, as compras darán dereito a degusta de balde flocos de millo.
Así, a programación complementaria incluirá un espazo para o troco de libros, a proxección de “Cine na rúa e activismo rural”, e moita música. Ás 20.30 horas está previsto o concerto do grupo local Los Nostálgicos. E a partir das 22 horas, chegará a singular proposta de Le BarLuthier, “un pianobar literal e itinerante”.
Trátase dun espectáculo “cómico musical con varios músicos e unha showwoman” ao redor dun piano cuxa caixa de resonancia se transforma nun bar que propón unha viaxe no tempo aos anos trinta, corenta e cincuenta, a través da música da época (jazz, swing, dixie…)
As actividades da edición nocturna do Mercado Sostible de Valdoviño estarán financiadas pola Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e Abanca, no marco da declaración do Pantín Classic como Festa de Interese Turístico de Galicia. O evento porá o broche de ouro á programación municipal de “Contares culturais nas festas de verán”.
