Deputación e Concello analizan sobre o terreo a situación da rede viaria provincial en Valdoviño

O deputado provincial de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, e o alcalde, Alberto González, abordaron diferentes proxectos de mellora e humanización en estradas de Meirás, Valdoviño e Vilaboa

Valdoviño, 11 de marzo de 2022. Concello de Valdoviño e Deputación da Coruña analizaron sobre o terreo a situación da rede viaria provincial no municipio e avanzaron nas necesidades de intervención en diferentes estradas sitas nas parroquias de Meirás, Valdoviño e Vilaboa. Foi así na visita do deputado provincial de Vías e Obras da Deputación, José Manuel Pequeño, á localidade, na que estivo acompañado dos técnicos provinciais e do alcalde, Alberto González, e do concelleiro de Servizos, Benito Vega. 

O percorrido arrancaba na estrada provincial que conecta a igrexa de Santa Eulalia coa praia da Frouxeira. Trala visita, a Deputación estudará a execución das obras de mellora da seguridade vial e a súa humanización co obxectivo de dotar á estrada de beirarúas no 100% do itinerario, e ampliar o ancho naqueles tramos nos que xa se conta con elas. 

En Vilaboa, José Manuel Pequeño e Alberto González complementaron o percorrido polas estradas provinciais cunha xuntanza de traballo cos responsables da Cooperativa: o presidente, Ángel Caneiro; o secretario, Andrés Pita, e o xerente, José Ameneiros. Na axenda da reunión, dous temas principais sobre a mesa: a intervención de humanización na zona de influencia da cooperativa -na que se concentran outros equipamentos como o campo de fútbol, o parque infantil, a estación de servizo, a electrolinera ou o supermercado-, e o acondicionamento do vial que conecta a parroquia con Loira. No primeiro caso, procederíase á mellora do vial e á construción de beirarrúas. No segundo, a Deputación daría continuidade á intervención de mellora da estrada realizada recentemente, e que permitiu ampliar e mellorar o trazado da DP2502 entre Valdoviño e o encoro das Forcadas cun investimento cercano ó millón de euros. O obxectivo, en todo caso, sería tamén mellorar o trazado e acurtar tempos de traxecto a Vilaboa. Proxecto no que tamén está a traballar nestes momentos a entidade provincial. 

Finalmente, deputado e alcalde analizaron as posibilidades de ampliación do ancho de plataforma da DP 5405, en Meirás, dende o cruce coa AC-116 ata a conexión coa AC566 que enlaza coa vía de alta capacidade de As Pontes. Unha intervención coa que sen dúbida se melloraría a seguridade vial nunha zona moi transitada e cuxo proxecto se comprometeu Deputación a redactar de inmediato.