Durante o curso, e baixo a premisa da descentralización nas parroquias, o Concello de Valdoviño impulsa unha completa programación de actividades para todas as franxas de idade, con diferentes disciplinas e poñendo o foco de atención nas preferencias e intereses amosados en edicións anteriores.
Son propostas fixas nesta programación para persoas adultas as clases de tenis, tiro con arco, ximnasia e ioga. Como escenarios principais, desenvólvense no pavillón municipal do Longoiro e nos locais sociais das parroquias de Meirás, Pantín e Vilarrube, ademais da casa da cultura.
En canto ás actividades dirixidas aos máis pequenos e pequenas da casa, celébranse principalmente no pavillón do CPI Atios -escenario incorporado despois de que a Concellería de Deportes asumise a xestión directa das actividades extraescolares hai uns anos-, e no pavillón municipal do Longoiro. Son habituais actividades como psicomotricidade, duatlón, atletismo, ximnasia rítmica, bádminton, patinaxe artística e karate. A elas, súmanse outras dependendo da edición e demanda, como skate.
A inscrición en todas elas mantense ao longo do curso de haber prazas libres, e debe formalizarse no departamento municipal de Deportes ou a través da sede electrónica.