As actividades deportivas en Valdoviño non só non cesan no verán, senón que se multiplican exprimindo os extraordinarios espazos ao aire libre do municipio, perfectos para a práctica deportiva. Así, o Concello suma a piscina municipal de Lago á programación de verán, que desenvolve baixo a denominación OcioSol, marca xa da casa. Nas instalacións de Lago leva a cabo unha ampla oferta de cursiños de natación (iniciación, intermedio e perfeccionamento), así como outras accións como aquagym ou natación para bebés e nado libre. Arrancan en xullo e a tempada conclúe en agosto, sempre en horario de mañá, xa que as tardes resérvanse para o uso e desfrute das instalacións por parte da veciñanza.
Ademais, espazos como a pista deportiva da Frouxeira convértense en escenario das escolas deportivas, con actividades como tenis, baloncesto, fútbol sala, atletismo, multixogo ou ximnasia de mantemento, co pavillón municipal do Longoiro e a casa da cultura como espazos alternativos nos días de choiva. Neste caso, as inscricións ábrense nas semanas previas ao inicio do calendario, presencialmente no departamento municipal de Deportes ou a través da sede electrónica.