
Pantin Classic
Dende hai máis de 30 anos, a praia do Rodo acolle cada verán o Pantín Classic, a competición máis importante do surf en España, incluída no circuito QS da World Surf League. A cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, reúne no verán aos mellores riders internacionais, convertindo ao noso municipio en epicentro do surf mundial. O efecto imán do certame, organizado polo Club Praia de Pantín, cun claro enfoque sostible e unha ampla oferta de actividades paralelas, ten consolidado o éxito de Valdoviño e do conxunto da Costa das Ondas como destino surf, catalizador da práctica deste deporte nas nosas praias.
Baixada de Carrilanas a San Mamede
A Baixada de Carrilanas a San Mamede é unha das citas máis importantes do calendario estatal nesta modalidade, puntuable para a Copa de España e a Copa de Europa. Coincidente sempre coa terceira fin de semana de agosto, está organizada dende hai máis de 25 anos pola Asociación da Baixada de Carrilanas de San Mamede. Con participación limitada a 80 pilotos, é habitual a presenza de competidores de todo o territorio nacional, e predominio dos procedentes de comunidades con ampla tradición como Asturias, Cantabria e Castela e León. Conta cun percorrido espectacular, no que os pilotos poden lucirse e amosar a súa habilidade ao longo de 1.207 metros, con saída no Graño e meta en San Mamede, e premios para as carrilanas máis humorísticase máis veloces. Deporte con tradición que, na actualidade, aspira á declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.


Campionato de España de Surfing
Aínda que a competición máis importante do surf en España se celebra cada ano nun escenario diferente, o certo é que dende 2019, e de forma ininterrompida, a praia da Frouxeira, en Valdoviño, tense convertido edición tras edición na sede do certame a elección da Federación Española de Surfing. Un evento do que, dende hai xa máis dun lustro, saen os mellores deportistas da disciplina en todo o territorio nacional.
Xtreme Pantín
Dende 2013, Valdoviño alberga o Xtreme Pantín, cita que concentra habitualmente probas puntuables para o Campionato galego de kaiaksurf e waveski, Copa de España e Campionato Mundial de Waveski Surfing. Está organizado polo Club Náutico A Folixa, co apoio da Asociación Mundial de Waveski e das Federacións española e galega de Piragüismo, así como do Concello de Valdoviño. A data de celebración varía entre os meses de setembro e outubro, condicionada en gran medida pola previsión de ondas. O que se mantén inamovible é a súa localización, sempre na praia de Pantín.


Torneo de Fútbol Concello de Valdoviño.
En 2022, esta cita deportiva organizada polo Concello de Valdoviño xunto aos clubs locais cumpría a súa 30ª edición, converténdose nun dos torneos máis veteráns da comarca. Celébrase de forma rotatoria en cada un dos campos de fútbol da localidade, na fin de semana máis próxima a San Mamede, festividade local, e nel participan os primeiros equipos da Escola de Fútbo Base Amistrade, o Meirás CF, o CD Rosalía de Vilaboa e a SD Valdoviño. Ademais, nos últimos anos, no torneo tamén toma parte o equipo feminino da EFB Amistade, desputando un partido fronte a un equipo convidado.
Volta ás Forcadas
Nos meses previos ao verán, o Concello impulsa esta carreira para desfrutar en familia en plena natureza. Unha iniciativa na que colabora a Cooperativa de Vilaboa coa que crear e fomentar hábitos de vida saudables entre a veciñanza e combater o sedentarismo. A participación é gratuíta, e o percorrido consta de diferentes distancias, de 100 metros e 9 quilómetros, segundo a franxa de idade dos/as participantes.


Open de Tenis Concello de Valdoviño-Escola de Tenis Justo al Revés
En colaboración coa Escola de Tenis Justo al Revés, encargada dende hai anos das clases da programación Valdoviño Saudable, o Concello de Valdoviño promove 2 competicións no calendario local centradas no tenis: o Open de Tenis Concello de Valdoviño e o Torneo de Tenis praia Concello de Valdoviño. A primeira cita celébrase dende hai máis dun lustro, coincidindo coa Semana Santa, no pavillón municipal do Longoiro. A segunda botaba a andar en 2021, sempre no verán e coa praia da Frouxeira como escenario principal.
Xornadas de Pesca Infantil
En 2019, Concello e Asociación Deportiva O Rodaballo aliábanse na posta en marcha das I Xornadas de Pesca Infantil. Unha cita con tan boa acollida que, dende entón, vense celebrando cada ano na praia de Vilarrube, coas condicións perfectas para a práctica da pesca deportiva. Están dirixidas a nenos e nenas e mozos e mozas menores de 18 anos, con participación gratuíta e os/as asociados/as da entidade deportiva O Rodaballo como mestres de excepción. Segundo a edición, varía a data, organizándose en xuño ou en setembro.


Milla Urbana
Tamén a Frouxeira, pero neste caso a contorna máis inmediata á praia e lagoa, é o escenario principal desta cita deportiva dirixida a afeccionados ao atletismo de todas as idades -dende nenos ata maiores-. Lévase a cabo co apoio da Deputación provincial da Coruña, e aínda que a data varía no calendario municipal, soe coincidir coas últimas semanas do mes de agosto ou primeiras de setembro.
Día da Bicicleta
No último trimestre do ano, Valdoviño celebra dende hai uns anos o Día da Bicicleta, cun circuito xa consolidado na contorna do encoro das Forcadas. Está organizado por Concello, Radio Voz e La Voz de Galicia co patrocinio da Cooperativa de Vilaboa e a colaboración de firmas da localidade. Unha cita coa que a Administración local continúa co seu obxectivo de promover hábitos de vida saudables a través do deporte en plena natureza, e unha invitación a veciños/as e visitantes para desfrutar dun patrimonio natural privilexiado.


Torneo de Fútbol Sala OcioSol
O Concello de Valdoviño recuperaba en 2016 este torneo de fútbol sala de referencia no verán da comarca. Conta con sistema de liguilla, semifinais e finais, e segundo a edición, alterna como escenarios a pista deportiva da Frouxeira e o pavillón municipal do Longoiro, durante o mes de agosto, e en horarios a partir das 20:00 horas/21:00 horas, compatibles coas tardes de sol e obrigas laborais dos deportistas.
