Defensa e Concello manteñen unha nova reunión da comisión de seguemento do convenio de cesión da batería de Campelo
A Deputación traballa na redacción dos proxectos de recuperación desta e doutras infraestruturas militares en Ares e Ferrol
Valdoviño, 19 de novembro do 2024. Concello e Goberno central celebraron esta mañá unha nova reunión da comisión mixta de seguemento do convenio de cesión da batería de costa de Campelo. A reunión desenvolveuse na casa consistorial, presidida polo alcalde, Alberto González, e o delegado do Ministerio de Defensa en Galicia, coronel Antonio Bernal. Trátase dun órgano bilateral para abordar as liñas de intervención derivadas do documento subscrito entre ambas partes.
O acordo contempla unha cesión por 25 anos ampliable, co compromiso por parte da Administración local de actuar na valorización deste antigo equipamento militar. Á espera de que a Deputación conclúa a redacción do plan de usos, o Concello levou a cabo ata o momento desbroces, limpezas e traballos de sinalización. Precisamente, o papel da Deputación da Coruña será clave na recuperación deste espazo, destinando 3 millóns de euros ao proxecto de rehabilitación das baterías de defensa da costa de Ferrolterra, cos que se financiará a redacción de proxectos e as primeiras intervencións, en Valdoviño e tamén en Ares e Ferrol. Do investimento total, 2 millóns proceden dos Plans de Sustentabilidade Turística financiados con fondos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.