Declaración Institucional polo Día da Muller
Texto aprobado por unanimidade da corporación municipal de Valdoviño
Valdoviño, 8 de marzo de 2024. Atopámonos nun novo 8 de marzo. Nesta data conmemoramos a loita polo recoñecemento e igualdade de dereitos das mulleres do mundo, equiparando as súas oportunidades aos privilexios que historicamente lles foron privados a elas e concedidos aos homes.
O traballo feito a nivel político, educativo e social permitiron acadar unha igualdade que cada día é máis real e hoxe contamos cunha sociedade que, entre outras cousas, acepta en maior medida a libre decisión das mulleres no ámbito físico, persoal, familiar ou profesional. Sen embargo, a herdanza da pesada carga histórica e patriarcal é difícil de erradicar, polo que seguen a existir múltiples situacións de invisibilización,violencia ou sometemento. Nalgúns casos estas formas son máis sutís e mudan na súa apariencia, mais son as que motivan a necesidade de seguir a traballar para identificar as diferenciacións baseadas en estereotipos de xénero e reconducir as mensaxes sociais de cara a normalizar unhas relacións igualitarias entre nenas e nenos.
No Concello de Valdoviño a igualdade de oportunidades e a eliminación dos estereotipos de xénero é un obxectivo transversal que está presente cada día, tanto no desenvolvemento dos proxectos coma no trato ás persoas coas que se traballa. Implicar e sensibilizar a toda a sociedade nun pensamento respetuoso e feminista, como valor comunitario, é unha misión e unha responsabilidade a nivel político e técnico.
Dende o programa municipal “Somos e Contamos” seguiranse a planificar actuacións de prevención, sensibilización e formación durante todo o ano, na procura dun impacto efectivo na veciñanza. Traballarase para construír espazos inclusivos, garantindo unhas rúas seguras para as rapazas, poñendo en valor o papel das mulleres en postos directivos, consolidando unha ampla rede de conciliación e permitindo que os nenos e nenas constrúan as súas identidades libres de prexuízos e de diferenciacións por cuestións de xénero.
No camiño cara a igualdade, nin un paso atrás.
Cada 8 de marzo, Valdoviño segue na loita polos dereitos sociais