Danza, charlas e debate para conmemorar o Día Internacional do Turismo no Océano Surf Museo

A programación desenvolverase o luns 27 a partir das 18 horas

Valdoviño, 20 de setembro de 2021. O Concello de Valdoviño conmemorará o vindeiro luns 27 de setembro o Día Mundial do Turismo cunha xornada no Océano Surf Museo que incluirá danza, ponencias e debate.

Arrancará ás 18 horas, coa presentación a nivel nacional da peza «Las Doradas», unha performance de danza intepretada por Ana Erdozain e Alba González con temática ecolóxica, e que leva á reflexión, a través da pel dourada deste peixe, como símbolo da abundancia e a obsesión do ser humano pola riqueza e o consumo. O espectáculo, se acompaña o tempo, desenvolverase no anfiteatro exterior da Casa da Cultura.

De seguido, sobre as 18,30 h, será o turno dunha serie de charlas duns 15 minutos en torno ao turismo e, máis nomeadamente, o turismo para un crecemento inclusivo. Pasarán pola tribuna Xan Rodríguez Silvar, biólogo e delegado en Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural; Vicente Irisarri, enxeñeiro naval e cofundador do Pantín Classic; Jacobo Suárez, doutor en Educación Física e Deporte e CEO de GoodLife Consultores, e máis Elena Anca, licenciada en ADE e profesora de Turismo. Todos eles, xunto ao alcalde, Alberto González, que actuará de moderador, participarán sobre as 20,45 h nunha mesa redonda baixo o lema «Turismo inclusivo, surf, sostenibilidade e medio ambiente». E, finalmente, sobre as 21 h, o alcalde pechará o acto.

As persoas interesadas en asistir deben reservar a súa plaza a través do correo oceanosurfmuseo@gmail.com ou cubrindo o seguinte formulario web: https://bit.ly/3kn7wFv