Daniela Alonso e Manuel Fernández, wildcards no QS 6000 International do Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026

Esta proba clasificatoria, organizada pola Federación Galega de Surf, serviu tamén para proclamar aos campións galegos open deste ano

Valdoviño, 24 de agosto do 2026. Agochaban un premio dobre. Os triais do QS 6000 International da World Surf League (WSL) do Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026, baixo a organización da Federación Galega de Surf, proclamaban os campións galegos open deste ano e dábanlles acceso ao cadro principal da competición raíña do evento. Daniela Alonso, en categoría feminina, e Manuel Fernández, en masculina, impuxéronse na praia valdoviñesa baixo unhas condicións complexas, co empuxe do Atlántico caendo a medida que pasaban as horas. A viguesa e o coruñés souberon adaptarse a esta situación complicada e cumpriron os prognósticos que os situaban entre os grandes favoritos desta proba.

Manuel Fernández asinou un percorrido case perfecto cara á final. Liderando todas as súas mangas, salvo nas semifinais onde se cruzou cun nome que soou e soa con forza no surf internacional: Eric Rebiere. O francobrasileiro, competidor no pasado do Championship Tour (CT), a elite do surf mundial, quixo medirse unha vez máis cos talentos do surf da comunidade. Rebiere impúxose no último chanzo antes da final, pero Fernández tomouse o desquite na manga decisiva ao acumular 10.63 puntos no cómputo das súas dúas mellores olas, polos 8.66 do seu principal rival. En terceira posición concluíu Sebastián Bamonde, con 7.50 puntos; e en cuarta, Alejo Ferreiro, con 5.67. “Estou realmente contento, porque as condicións foron moi duras para todos e agora espero gozar do cadro principal”, explicou o gañador.

Pola súa banda, Daniela Alonso bordou o campionato. Desde o primeiro instante foi a dominadora da competición. E na final impuxo o seu empuxe. Con 8.77 puntos, a viguesa deixou á ferrolá Ana Piñón (6.23) en segunda posición, a Lara Rico (3.73), en terceira; e a Pepa González-Valerio (1.63), en cuarta. “Realmente contenta polo resultado“, dixo Alonso, quen engadiu: “Todas fixeron un papel incrible porque as condicións eran difíciles, pero estou desexando dalo todo no QS 6000”.

O QS 6000 International comeza este martes

O evento retomarase mañá martes coas primeiras mangas do QS 6000 International da World Surf League (WSL). Chegan a proba raíña, con 144 surfistas no cadro masculino e 80 no feminino. O campionato recupera así a súa esencia internacional con deportistas de máis de 20 nacionalidades.