Dá comezo o Laboratorio de Apoderamento LGBT+, unha acción de innovación educativa pola diversidade sexual en Ferrolterra

Valdoviño é un dos concellos participantes neste proxecto piloto 

Valdoviño, 5 de setembro do 2024. O Laboratorio de Apoderamento LGBT+ presentábase onte oficialmente. Trátase dun proxecto piloto de sensibilización das comunidades locais no respecto á diversidade sexual, deseñado pola cooperativa ferrolá Rexenerando e financiada pola Deputación da Coruña a través do programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento en políticas de xénero. Nel, participarán os concellos de Fene, Ferrol, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño, así como os centros educativos IES de Fene, IES Terra de Trasancos, IES Fernando Esquío, CPI San Sadurniño e CPI Atios, e a través do LAB desenvolverase traballo con alumnado de 4ª da ESO e 1º de Bacharelato, pero tamén traballo coas educadoras e familias e persoal técnico e político dos municipios participantes, creando así unha rede sensibilizada que poida traballar e apoiar as necesidades da mocidade dende distintos ámbitos. Ademais, contará coa colaboración e apoio de entidades que traballan activamente pola diversidade sexual, como a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia.

Ao acto de presentación celebrado onte no salón de plenos de Fene asistiron as traballadoras da cooperativa Rexenerando, promotora do proxecto, a deputada de igualdade, Soledad Agra, como representante da administración financiadora, técnicas e concelleiras, e persoal dos centros educativos participantes nesta primeira edición.

No mesmo, destacouse a importancia de traballar de forma coordinada coas distintas axentes que forman parte do proxecto: mocidade como o núcleo, pero tamén coas adultas que acompañan a mocidade (familias e docentes), e co persoal técnico e político que impulsa iniciativas dende as súas administracións. Tamén se falou da importancia do tema en cuestión, a diversidade sexual, e como aprender dela para poder facer fronte a certos discursos de odio presentes nas aulas, e como isto debe formar parte dun crear cultura sobre a diversidade para poder acadar un mundo máis xusto e amable con todas as persoas.

Nos meses de setembro a decembro decorrerá o Laboratorio de Apoderamento LGBT+, un proxecto que ten entre os seus obxectivos a creación de espazos máis inclusivos para a mocidade LGBT+ das comarcas de Ferrolterra, a autoreflexión sobre os prexuízos a respecto da diversidade sexual, así como o deseño de prototipos de intervencións dinamizadoras para a creación dunha comunidade de activistas lgbt+, desenvolvidas pola propia mocidade de 4º ESO e 1º de BACH dos centros participantes, e que poidan servir de inspiración para os centros educativos e concellos participantes.

Ademais das sesións en aula con alumnado, e as sesións de prototipado e deseño de intervencións, o proxecto contará con formacións para familias e profesorado e un acto final de peche do proceso que terá lugar en decembro.

Pódese seguir toda a información do proxecto na canle propia de instagram,

@laboratorio_lgbt, ou nas redes sociais da cooperativa Rexenerando, @rexenerandocoop.

Por que un LAB LGBT+?

Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Interior, as agresións por causa de orientación sexual ou identidade de xénero ocupan o primeiro posto entre a mocidade menor de 18 anos. A pesar de contar con lexislación e normativas que incorporan “a realización de actividades dirixidas á comunidade escolar para a prevención de actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero” (como no caso da Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia), soamente un terzo do alumnado LGBTIAQ+ sente liberdade á hora de expresarse sobre temas relacionados coa orientación sexual ou identidade de xénero.

O LAB LGBT+ nace dende este contexto, como unha aposta pola creación de espazos educativos máis seguros e inclusivos, onde todo o estudantado, á marxe da súa identidade, expresión de xénero e/ou orientación sexual poida sentirse recoñecido e aceptado, e onde crear rede entre as administracións locais, docentes, familias e alumnado.

É un novo proxecto inspirado no Laboratorio de Apoderamento Lingüístico, deseñado e desenvolvido por Rexenerando no curso 2022/23, e recoñecido co Premio Mil Primaveras.