O Concello de Valdoviño celebrará o vindeiro 11 de setembro a súa IX Milla urbana

A proba de atletismo volve ao Paseo da Lagoa tras dous anos de parón pola pandemia

Valdoviño, 1 de setembro do 2022. O Concello de Valdoviño recupera o domingo 11 de setembro a súa Milla urbana, que alcanzará a súa novena edición. A proba deportiva, dirixida a afeccionados ao atletismo de todas as idades- dende nenos ata maiores- volverá ter como escenario de excepción a contorna da praia da Frouxeira.

O edil de Deportes, Sergio Saavedra, anunciaba esta mañá o regreso desta cita, que volve tras os dous anos de parón impostos pola covid-19, e apuntaba ademais que, ata a noite do 8 de setembro, está aberto o prazo de inscrición na proba, de forma totalmente de balde, a través da web www.galitiming.com

O percorrido da IX Milla urbana Concello de Valdoviño discorrerá ao longo do Paseo da lagoa da Frouxeira, nun circuíto de ida e volta de iguais dimensións sobre o que se irán cubrindo as distancias fixadas para cada categoría, que van dende os 100 metros dos máis pequenos ata os 1.609 metros.

Detállase dente o departamento municipal que, segundo a idade, fíxanse as seguintes categorías: Biberón (nados/as no ano 2015 e posteriores); benxamín (2013-2014); alevín (2011-2012); infantil (2009-2010); cadete (2007-2008); xuvenil (2005-2006); júnior (2003-2004); promesa (2000-2002); sénior (1988-1999); veterano 1 (1982-1987); veterano 2 (1973-1981); veterano 3 (1962-1972); veterano 4 (1961 e anteriores).

Dende o Concello faise unha chamada á participación para que o regreso desta cita, que aspira a converterse nunha verdadeira festa do atletismo, na que convivan tanto deportistas federados como populares, sexa todo un éxito.

A entrega dorsais farase o día 11, a partir das 10 h e ata 45 minutos antes do arranque das carreiras, na contorna do Parque infantil da Frouxeira, á altura da caseta de socorrismo. Lugar dende onde está previsto que se produza ademais a saída escalonada dos corredores e corredoras, comezando ás 11.10 horas polas benxaminas. Na categoría biberón, haberá medalla conmemorativa para todos os participantes, e no resto optarán a medalla, os primeiros clasificados (en masculina e feminina).

A Milla urbana está organizada polo Concello, co apoio da Deputación da Coruña e contará coa colaboración de Protección Civil e Policía Local de Valdoviño.