Cultura inicia mañá o reparto de invitacións para o monólogo de Xan Veiga en Valdoviño

A segunda entrega do ciclo “Unic@s” terá lugar este venres

O Concello activa este luns o reparto de invitacións para a segunda entrega de Únic@s, o ciclo de monólogos ideado por Cultura para animar a noite dos venres. Trala boa acollida brindada a Quico Cadaval, esta semana o protagonista será o actor e humorista Xan Veiga.

O arzuán, coñecido sobre todo pola súa participación durante anos no programa Luar de TVG, pisará as táboas do auditorio da Casa da Cultura para presentar “Que anos aqueles…”, unha peza na que, con ton humorístico e non pouca retranca, propón unha volta aos anos 80.

Nesta viaxe ao pasado, Veiga narra ás desventuras dun galego calquera, traendo á memoria costumes, ditos, xogos, cantigas… todo para lanzar unha reflexión sobre o moito ou pouco que cambiaron as cousas dende aquela. A función arrincará as 20.30 horas.

Indican dende a Concellería de Cultura que as persoas interesadas en asistir á representación poderán retirar as súas entradas na Casa da Cultura, de luns a mércores, de 11 a 14 horas. E lembran ademais que o aforo do espectáculo será limitado para garantir a distancia interpersoal.

Co fin de frear a transmisión da covid-19 e, de acordo co protocolo preventivo, haberá que usar mascarilla durante a función, non se permitirá ao público pararse a conversar en lugares de tránsito e recoméndase chegar con 10 minutos de antelación para facilitar a acomodación.

O ciclo municipal Únic@s enmárcase no programa Cultura no Camiño +, financiado por Gadis e a Xunta de Galicia para favorecer a dinamización cultural dos concellos con rutas de peregrinación, como é o caso de Valdoviño co Camiño de San Andrés de Teixido. Os venres de monólogos concluirán o 9 de outubro coa actuación do valdoviñés Jorge Baleo.

 

.