Cris de Caldas inaugura a programación do Día das Letras Galegas en Valdoviño coa súa obra “Mitoloxías disidentes. A caixa de Begoña”

Dirixida a un público adulto, a función terá lugar este venres no auditorio

Valdoviño, 5 de maio do 2026. O Concello de Valdoviño inaugura esta semana a programación especial con motivo do Día das Letras Galegas 2026 adicado á xornalista e escritora Begoña Caamaño. Faino cunha nova entrega do ciclo de teatro Ven o Venres, que protagoniza a narradora Cris de Caldas. Este venres, ás 20:00 h, presentará no auditorio da casa da cultura o seu espectáculo “Mitoloxías disidentes. A caixa de Begoña”. A función chega ao municipio co apoio da Secretaría Xeral da Lingua, e está dirixida a un público adulto. A entrada é de balde e libre ata completar aforo.

Este espectáculo de narración oral achega ao público a vida e a obra de Begoña Caamaño como unha homenaxe viva, revisitando os mitos que ela mesma reescribiu (Penélope, Circe, Morgana…) e engadindo outros. Deste xeito, a través da palabra, confrontarase a versión tradicional deses mitos coa mirada da autora, ofrecendo outras lecturas posibles, máis xustas e máis libres.