Correos remitirá a carta cos trámites a realizar tras a aprobación da numeración nas zonas nas que se rexistraron problemas no envío anterior
O Concello trasladou ó Sergas os problemas constatados en relación ás cartas con citas para mamografías, e este solicita que as mulleres pendentes de comunicación contacten vía telefónica
Valdoviño, 23 de setembro do 2022. O alcalde, Alberto González, e o concelleiro de Servizos, Benito Vega, así como persoal funcionario do Concello mantiveron esta mañá unha reunión de traballo con responsables de Correos para abordar a problemática trasladada por veciños e veciñas en relación aos problemas na recepción do correo postal e paquetería por parte da compañía tras a aprobación da numeración oficial do municipio. Así mesmo, constatouse que Correos non entregou en todo o termo municipal a carta enviada á veciñanza polo Concello onde se informaba dos trámites a realizar para comunicar os cambios, e se adxuntaba un volante de empadronamento para facilitalos.
Na reunión desta mañá, Correos comprometeuse a realizar un novo envío para subsanar a situación, e colaborará na difusión dos trámites a través do equipo de carteiros/as, que lembrarán a veciños e veciñas a necesidade de comunicar o novo número cando fagan entregas.
Esta problemática está a repercutir, por exemplo, en cuestións tan importantes como a recepción de comunicacións de citas médicas por parte do Sergas. Máis en concreto, citas para a realización de mamografías e consultas de resultados. Para paliar esta situación, o Concello contactou co Sergas. Esta administración trasladoulle que as mulleres pendentes de someterse a unha mamografía ou dunha cita para o servizo que non recibisen a comunicación chamen ó teléfono 981 33 78 00 extensións 267640 ou 267639. Aí as informarán do estado da cita ou lla darán directamente.
Ademais, Alberto González avanzou a próxima licitación dun contrato para a instalación da sinaléctica definitiva co nome das rúas e a numeración -hoxe existente nun soporte provisional-. Tamén nestes momentos estase completando o traspaso dos datos a Catastro e outras aplicacións móbiles como Google Maps, onde xa se incorporou practicamente a totalidade da numeración e nova toponimia.
Por último, a veciñanza pode acudir ó Concello para resolver as súas dúbidas sobre os trámites a realizar, onde se ofrecerá asesoramento.