Correos e Concello remitirán a cada casa información sobre a actualización de datos tras a aprobación da nova numeración
Xunto ás misivas, o Concello adxuntará o volante de empadronamento para facilitar as xestións a realizar pola veciñanza
Valdoviño, 1 de decembro de 2021. Nos vindeiros días, todos os veciños e veciñas empadroadas en Valdoviño recibirán nas súas casas unha carta informativa sobre os pasos a dar para actualizar os datos coa nova numeración nos diferentes organismos, institucións e entidades. Un envío posible froito do acordo de colaboración entre o Concello e Correos, que rubricou o alcalde, Alberto González, e responsables da compañía postal.
Ademais, con esa mesma carta, o Concello adxuntará o correspondente volante de empadronamento, documento que é preciso presentar ao realizar os trámites, evitando así que veciños e veciñas teñan que desprazarse á casa consistorial para solicitalo.
Este proceso resulta da aprobación por parte do Concello da primeira numeración oficial do municipio. Unha medida que facilitará sen súbida o día a día da veciñanza en trámites tan cotiás como a recepción do correo. A partir dagora, as persoas empadroadas deberán actualizar as súas direccións en documentos como o DNI, carné de conducir ou recibos de compañías bancarias, eléctricas… e esa información, cos pasos a dar, é a que Correos remitirá aos domicilios.
Así mesmo, e ao tratarse dunha compañía participada polo Concello, a empresa concesionaria do servizo de augas, Viaqua, actualizará directamente o padrón, co que non será preciso que a veciñanza realice neste caso o trámite.
Para o resto, darase un prazo de 3 meses para a actualización de datos, a contar dende a recepción da citada misiva.