Contacontos e marionetas completarán esta fin de semana o programa cultural “Polo Camiño”
As invitacións para asistir aos espectáculos entréganse ata este mércores na Casa da Cultura de Valdoviño
O programa cultural “Polo Camiño”, creado polo Concello para poñer o foco, grazas aos espectáculos programados, na ruta a San Andrés de Teixido, completarase esta fin de semana con sesións de contacontos e marionetas. As invitacións para asistir ás actuacións, destinadas aos máis pequenos e pequenas da casa, poden retirarse na Casa da Cultura ata este mércores.
As novas propostas incluídas no programa municipal, enmarcado no proxecto Cultura no Camiño +, que patrocinan Gadis e Xunta de Galicia para dinamizar as distintas rutas de peregrinación antes do inicio do Xacobeo 2021, localizaranse en dous dos puntos con máis sona da ruta a Teixido: a capela da Fame e Porto do Cabo.
Así, Raquel Queizás chegará este sábado, a partir das 18 horas, con “O eco das pedras” ao campo que rodea á capela da Fame, no lugar de Liñeiro (Vilarrube). Trátase dunha obra de narración oral, que busca que os nenos e nenas coñezan un pouco máis do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e que redescubran os petróglifos.
Ao día seguinte, domingo, a partir das 18 horas, Teatro Marionetas Trécola actuará xunto á capela de Porto do Cabo. A compañía, xurdida en 1981 para recuperar a tradición dos monicreques de fíos en Galicia, porá en escena “Gaela quere ser druída”. A obra está centrada na difícil loita pola igualdade da protagonista, unha nena celta, empeñada en demostrar que ela pode ser o que desexe.
Desde o Concello sinalan que as persoas que queiran asistir a estes espectáculos poden recoller as súas invitacións na Casa da Cultura de Valdoviño, dende hoxe e ata este mércores, en horario de 11 a 14 horas. O aforo nos dous casos será limitado para garantir que se mantén a distancia de seguridade e, durante a función, será obrigatorio usar mascarilla. Finalmente, dende Cultura recomendan chegar dez minutos antes do inicio das actuacións para facilitar a acomodación do público.
.