Consellería de Sanidade e Concello de Valdoviño asinan un convenio de colaboración para a reforma do centro de saúde

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 174.176 euros, unha partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o Concello

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, asinaron hoxe un convenio de colaboración no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. No acto, estiveron acompañados polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor López, e polo director da área sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva. 

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 174.176 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o Concello. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Valdoviño contarán, a partir do vindeiro ano, cunhas instalacións máis confortables e accesibles. O centro de saúde de Valdoviño conta con 5.427 tarxetas sanitarias, das que 473 son de pediatría. 

As obras previstas consisten nunha importante reforma da fachada, que se limpará con auga a presión, eliminando todos os materiais soltos ou mal adheridos e colocando viseiras ou parasois nos ocos das ventás. Tamén se reformará a carpintería exterior, utilizando xanelas con rotura da ponte térmica, boa estanquidade e vidros de seguridade na planta baixa. Con esta actuación, búscase ademais de corrixir as deficiencias detectadas, mellorar a confortabilidade e a eficiencia enerxética do centro. 

No ano 2018 o Concello e o Sergas colaboraron para acometer reformas interiores importantes, creando unha sala de extraccións, unha sala de educación maternal e dando máis espazo para a consulta da matrona. Ademais, no exterior acometéronse actuacións sobre a cuberta para evitar humidades e unha mellora da zona de entrada para dar solución aos problemas de accesibilidade desde a beirarrúa.