Conclúen as obras de remodelación da entrada lateral ao CPI Atios
En paralelo tamén se levaron a cabo traballos de accesibilidade na zona de acceso ás aulas dende o patio interior cuberto
Valdoviño, 3 de xuño de 2022. O alcalde, Alberto González, e a concelleira de Educación, Rosana García, visitaron o CPI Atios para, xunto ao director do centro, Antonio Cebreiro, supervisar as últimas obras de mellora realizadas no centro. Dunha banda, completouse a reforma da entrada lateral ao cole e, doutra, mellorouse a accesibilidade entre o patio interior cuberto e as aulas.
No primeiro caso, a intervención incluiuse nas obras de mellora dos patios escolares. Coa eliminación dos antigos vestiarios e aseos anexos ao patio lateral, liberouse e acondicionouse espazo na mesma entrada e, finalmente, a actuación completábase coa instalación dunha nova cuberta no acceso, punto de entrada e saída do alumnado que non acude en transporte escolar.
No segundo caso, eliminouse a escaleira de cemento de entrada ás aulas dende o patio cuberto e ampliouse a rampa para mellorar a accesibilidade. Ademais, instalouse unha mampara para separar o espazo e un portalón abatible.
Uns traballos incluídos nos labores habituais de mantenemento e mellora das instalacións educativas.