Concilia Tempos Mañás arrincará o curso con 50 nenos e nenas inscritos no programa
O servizo municipal ofértase no CPI Atios e escolas unitarias
Valdoviño, 25 de agosto do 2026. Concilia Tempos Mañás arrincará o novo curso con medio centenar de nenos e nenas inscritas no programa. O Concello de Valdoviño activará o servizo municipal de conciliación o vindeiro 9 de setembro, coincidindo coa primeira xornada do curso escolar. Iso si, os cativos e cativas con periodo de adaptación incorporaranse ao seu remate. Así, a próxima semana, o Concello remitirá ás familias anotadas unha comunicación a través do correo electrónico con toda a información sobre a actividade.
O Concello botaba a andar o programa en 2020 no CPI Atios, coa participación de 16 alumnos e alumnas, e dende entón, os rexistros sempre melloraron edición tras edición, sumándose tamén, en 2022, as escolas unitarias de Lago e de Taraza.
Con este programa, o Concello de Valdoviño facilita a entrada dende as 7:30 horas no Atios, e dende as 8:00 horas nas unitarias, axudando a nais e pais a compatibilizar as obrigas laborais co coidado dos seus fillos e fillas. Co financiamento municipal, ten un custe para as familias de 30 euros/mes, e de 20 euros no caso de medio mes.
A día de hoxe, dos 50 nenos e nenas apuntadas, 39 están matriculadas no CPI Atios, 7 en Lago e 4 en Taraza. Nestes dous últimos casos, aínda hai prazas libres, e no Atios, abrirase unha lista de agarda, xa que é habitual que ao longo do curso se den baixas e altas. As familias interesadas no servizo, poden solicitar máis info no departamento de Servizos Sociais Comunitarios, na casa consistorial, teléfono 981 487 041 (ext.5) ou email servizos.sociais@concellodevaldovino.com.
