Concerto de Bitter Cans e De Vacas este venres na Porta do Sol de Valdoviño
As actuacións, con entrada libre, darán comezo ás 21:30 horas
Valdoviño, 16 de agosto de 2022. O Tour Vacanal de De Vacas por teatros e prazas de toda España fará parada este venres na Porta do Sol de Valdoviño no marco da programación cultural municipal. Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández ofrecerán sobre o escenario os seus grandes xites como o «Amodiño» ou o «Noite e Día», ademais de temas novos que dan resposta tamén a novas inquedanzas musicais como «El anillo pa´cuando?» ou «Rexurdimente». Un espectáculo fresco como a auga dos regos, mistura de voces e guitarra, armonías que estimulan os sentidos.
Un auténtico espectáculo que virá precedido, a partir das 21:30 horas, do concerto da banda ferrolá Bitter Cans. Ofrecerán en Valdoviño o seu potente directo, cun estilo moi particular que nace a partir da influencia do rock clásico, indie, blues, música portuguesa…
Dúas propostas que chegan ó noso municipio co apoio da Deputación a través da Rede Cultural.