Concellos, Deputación e Medio Rural entregan os diplomas dos dous primeiros cursos da Fusquenlla

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, participou no acto celebrado en Moeche

Valdoviño, 19 de decembro do 2022. A Nave do Mercado de Moeche acollía a semana pasada o acto oficial de clausura dos dous cursos impartidos até o momento no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, nos que participaron un total de 33 persoas co obxectivo de formárense na preparación de conservas e zumes, ademais de aprenderen o manexo do equipamento dispoñible nas instalacións. No encontro entregáronse os diplomas correspondentes ás accións formativas, coa asistencia dunha representación de todas as Administracións implicadas no proxecto dun modo ou doutro: os concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño, a Deputación da Coruña e a Consellaría do Medio Rural. Todas elas ratificaron o seu compromiso de seguir apoiando esta iniciativa pioneira na comarca, que agora, de cara ao 2023, ten marcada a prioridade de empezar a funcionar de maneira autoxestionada e de ofrecer máis cursos, para os que hai nestes momentos 43 persoas en lista de agarda.

O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, situado no recinto feiral de San Ramón, é un proxecto promovido conxuntamente polos concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño que ten como obxectivo converterse en espazo de referencia en toda a volta para a transformación e conservación de elaborados a partir de produtos da terra, como son as hortalizas, a froita ou o mel.

Trala remodelación da antiga nave dos queixos, e despois de dotar as instalacións de espazos axeitados e moderno equipamento (con financiamento municipal, da Deputación, da Xunta e dos fondos Leader do  GDR Seitura 22), os concellos organizaron sucesivamente dous cursos de 62 horas dirixidos prioritariamente a persoas produtoras ou con vinculación co agro, de cara a ir formando un grupo de usuarias e usuarios estables que lle desen vida ao centro e que fosen collendo ritmo para empezar a transformar os seus produtos.

A convocatoria das accións formativas, a primeira financiada pola Deputación e a segunda pola AGACAL da Consellaría do Medio Rural, foi todo un éxito, xuntando un total de 33 participantes -16 e 17- e xerando unha lista de espera doutras 43 persoas interesadas en mellorar as súas competencias tanto nas técnicas de conservación como no manexo dos aparellos cos que conta A Fusquenlla. De feito, a capacitación no uso da maquinaria e nos protocolos de tratamento do produto desde que se recepciona ata que xa está elaborado é e será unha condición imprescindible para poder empregar as instalacións.