Concello e Xunta animan á mocidade a solicitar as axudas para a compra de vivenda en municipios de ata dez mil habitantes como Valdoviño

O alcalde subliña que o “Plan estatal de acceso a la vivienda” supón unha oportunidade para atraer e fixar poboación na localidade

Valdoviño,13 de marzo de 2023. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, visitaron esta mañá na nosa localidade a unha parella que resultou beneficiaria no 2022 das axudas para a adquisición de vivendas en municipios de ata 10.000 habitantes do “Plan estatal para el acceso a la vivienda 2022-2025”, que xestiona a nivel galego o IGVS. Os responsables políticos animaron á mocidade a aproveitar estes incentivos que facilitan o acceso a inmobles en propiedade.

O programa, do que se beneficiaron o pasado ano 25 persoas en Ferrolterra, Eume e Ortegal, está dirixido a persoas menores de 36 anos, e contempla unha axuda directa de ata 10.800 euros por inmoble, novo ou usado, sempre que esta contía non supere o 20 % do prezo de compra. Iso si, a vivenda non pode custar máis de 120.000 euros e ten que estar localizada nun dos municipios galegos que, como Valdoviño, contan cunha poboación de ata 10.000 habitantes.

Para beneficiarse do programa as persoas solicitantes teñen que acreditar que as rendas anuais de todos os membros da unidade de convivencia son iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM (24.318,84 euros), aínda que o límite subirá ata 4 ou 5 veces en caso de que concorran determinadas circunstancias fixadas na convocatoria.

Durante a visita o alcalde valdoviñés e a delegada territorial da Xunta coincidiron en subliñar a importancia desta liña de axudas para favorecer o acceso á vivenda da xente nova, que adoita ter máis dificultades económicas para afrontar os custos dunha vivenda. Ademais o rexedor sinalou a oportunidade que supón para Valdoviño á hora de atraer e fixar poboación, e indicou que dende os Servizos Sociais do Concello ofrécese aos veciños e veciñas información sobre esta convocatoria e asesoramento e apoio na tramitación da solicitude.