Concello e Seitura22 buscan a implicación da veciñanza na creación de comunidades enerxéticas

Presentaban onte á tarde o proxecto “Redenerxía” na casa da cultura

Valdoviño, 12 de setembro do 2025. Seitura 22 presentaba onte á tardiña en Valdoviño o proxecto «Redenerxía», do que participa o Concello. O obxectivo era dar a coñecer á veciñanza os pormenores das comunidades enerxéticas, os seus obxectivos e beneficios, para alentar así a participación social na súa posta en marcha. O alcalde, Alberto González, daba a benvida ás 30 persoas que acudían á convocatoria, que contou coa asistencia de Miguel Teixido, xerente da asociación Seitura22, da que participa Valdoviño e que, xunto ao GDR Terra e Auga, impulsa o proxecto.

As comunidades enerxéticas supoñen dar un paso adiante nos modelos de autoconsumo enerxético, favorecendo unha xestión integral da enerxía solar, fotovoltaica, eólica, hidráulica e biomasa (dende a produción ao almacenamento, a distribución ou a comercialización). Están abertas a persoas físicas e tamén xurídicas (concellos, cooperativas, asociacións…), e poden impulsar diferentes tipos de proxectos como os centrados no autoconsumo colectivo, as compras colectivas ou a comercialización dos excedentes. Todo isto, cos evidentes beneficios medioambientais, sociais e, como non, económicos.