Concello e Asotrame promoven charlas nas parroquias sobre os servizos de atención ás persoas afectadas de cancro

Entidades veciñais e sociais do municipio poden solicitalas a través do teléfono de Servizos Sociais, concretando entón data e horarios

Valdoviño, 19 de abril do 2023. O Concello de Valdoviño e Asotrame -Asociación Gallega de Transplantados de Médula Ósea- ofrecen ás entidades veciñais e sociais do municipio a posibilidade de acoller charlas informativas dirixidas especialmente a persoas afectadas de cancro e ás súas familias, e abertas á veciñanza en xeral, nas que se abordará o impacto emocional do diagnóstico e os servizos de atención que teñen ao seu alcance. Para isto, tan só teñen que contactar co Concello a través do teléfono de Servizos Sociais 981 48 70 41 ext.5, e a partir de aí concretarase data e horarios. O obxectivo é achegar este tipo de información á cidadanía, e chegar especialmente a aquelas persoas que poidan precisar destes servizos, en moitos casos descoñecidos. 

As charlas son resultado do acordo de colaboración entre o Concello e Asotrame, e froito deste celebrábase a finais de febreiro un primeiro coloquio no centro sociocomunitario, no que tamén se abordou especialmente o labor da entidade a favor das persoas afectadas de cancro no sangue. Así mesmo, instalábase unha exposición ao longo do primeiro treito da Senda das Ondas, entre A Veiga -Pantín- e O Baleo, para favorecer a doazón de médula ósea a través das testemuñas en primeira persoa de pacientes transplantados.