O Concello e a Asociación Española contra el Cáncer únense para fomentar que as praias de Valdoviño sexan espazos sen fume
Desenvolverán campañas de concienciación para facer de todos os areais do municipio lugares máis saudables
O Concello de Valdoviño vén de asinar un convenio pioneiro na comarca en materia de saúde coa Asociación Española Contra el Cáncer (AECC). En virtude do acordo, fomentarase o traballo de concienciación para acadar que as praias da localidade sexan espazos sen fume. Unha medida que convertería os areais do municipio en lugares máis saudables, contribuíndo a previr enfermidades crónicas asociadas ao tabaquismo.
O alcalde, Alberto González, subscribía esta semana o convenio coa AECC, representada pola vicepresidenta da Xunta Local de Ferrol, Mabel Sanesteban, para apoiar a proposta da asociación de impulsar ambientes libres da exposición ao fume nocivo do tabaco tradicional e do electrónico nos espazos abertos de uso público e colectivo.
Na actual campaña estival só a praia de Mourillá está incluída no censo oficial de “praias sen fume” da Xunta, pero a concellería de Benestar Social e Sanidade, Ana Belén Pérez, avanza a vontade de incorporar ao listado nas vindeiras campañas ao resto das praias do municipio, entre as que se atopan algunhas das máis concorridas de Ferrolterra. Polo de agora o Concello traballará coa AECC co obxectivo de concienciar á veciñanza do prexudicial que resulta o tabaco para a saúde, e intentar eliminalo das paraxes con maior concentración de xente durante o verán. Os primeiros beneficiados serán os menores e os fumadores pasivos.
Medida educativa
Explican dende o goberno local que a iniciativa ten un carácter educativo e de promoción da saúde. Recomendarase que non se fume -obviamente non haberá sanción para quen incumpra- e, a través de mesas informativas, explicarase a importancia de liberar de tabaco os areais.
As praias valdoviñesas contarán con carteis, agradecendo o comportamento daqueles fumadores habituais que respecten o consello de non fumar nos areais e axuden con seu xesto a conseguir unha contorna máis saudable, e a reducir os casos de cancro.
De ter éxito a recomendación, conseguiríase tamén un impacto positivo no medio ambiente, pois as cabichas tardan máis dunha década en destruírse, constituíndo un problema importante para a limpeza das praias e do mar.