Concello e Asfedro organizan unha xornada formativa en materia de prevención do consumo de drogas na infancia e adolescencia

Está dirixida aos axentes educativos que traballan no eido educativo, deportivo, social e de lecer, tanto persoal de empresas, entidades ou clubs

Valdoviño, 27 de novembro do 2024. O Concello de Valdoviño e Asfedro colaboran na organización dunha acción formativa en materia de prevención do consumo de drogas na infancia e adolescencia dirixida aos axentes educativos que traballan no ámbito educativo, deportivo, social e de lecer. A acción é gratuíta, e celebrarase o vindeiro martes 3 de decembro, de 16 a 20 horas no centro sociocomunitario de Valdoviño. As persoas interesadas en participar poden solicitar praza dende xa a través dos emails servizos.sociais@concellodevaldovino.com ou deportes@concellodevaldovino.com ou do teléfono 981 48 70 41.

Os contidos a abordar estarán relacionados cos factores de risco e de protección en cada etapa, co papel dos axentes educativos como modelos e promotores de condutas saudables así como as súas funcións e habilidades comunicativas cos nenos e nenas. Tamén se tratarán os indicadores para unha detección precoz e a identificación dos sinais de alerta valorando como establecer Protocolos de intervención inicial.

A iniciativa enmárcase nas actuacións formativas que o Concello organiza periodicamente para o persoal que traballa nas empresas, entidades ou clubs vinculados a Valdoviño co obxectivo de mellorar a calidade das intervencións e capacitar ao monitorado para facer un labor preventivo no desempeño das súas funcións.