Concello e Asfedro facilitan información ao alumnado da ESO para a prevención de condutas aditivas e xogo patolóxico

As sesións formativas estiveron dirixidas aos/as estudantes de 3º curso da ESO do CPI Atios, e complementaranse cunha charla para as familias

Valdoviño, 3 de maio de 2022. En virtude do convenio de colaboración suscrito entre o Concello de Valdoviño e Asfedro, persoal técnico da entidade levou a cabo durante a semana pasada unha serie de sesións formativas para a prevención de condutas aditivas e xogo patolóxico entre o alumnado de 3º curso da ESO do CPI Atios. 

As xornadas buscaban mellorar a información dos/as estudantes sobre as adicións, os efectos e consecuencias, aumentando a percepción do risco real e favorecendo a reflexión sobre a súa capacidade de xestión e afrontamento. 

Así mesmo, e de forma complementaria, desenvolverase unha sesión dirixida ás familias, na que se abordarán as cuestións a ter en conta na convivencia e na educación de rapaces e rapazas respecto aos riscos, os factores de protección e os elementos claves para unha boa comunicación.