Concello e AECC únense contra o sendentarismo a través dun programa de Rutas Saudables en plena natureza

O alcalde, Alberto González, e a presidenta da xunta local da Asociación Española contra o Cancro en Ferrol, Isabel Estevan, asinan o convenio de colaboración para a posta en marcha do proxecto

Valdoviño, 29 de abril de 2022. O Concello de Valdoviño e a Asociación Española contra o Cancro alíanse na posta en marcha dun programa de Rutas Saudables no municipio. O obxectivo pasa por combater o sedentarismo a través da promoción dunha vida activa, construíndo un espazo de encontro que facilite as relacións persoais, aumentando así a motivación necesaria para impulsar a práctica de exercicio físico. O alcalde, Alberto González, e a presidenta da Xunta Local da AECC en Ferrol, Isabel Estevan, asinaban onte pola mañá o convenio de colaboración en presenza da concelleira de Sanidade, Ana Belén Pérez, e a psicóloga da asociación, Rosalía Fernández, e avanzaban algúns detalles da iniciativa.

Aberta á poboación en xeral, nenos/as e adultos/as, arrancará o vindeiro mes de maio. Para iso, Concello e AECC sinalizarán a primeira das rutas nunha contorna autenticamente privilexiada como é a praia e lagoa da Frouxeira. A través de balizas respectuosas co medio, facilitarase información á cidadanía en códigos QR e planificarase a primeira sesión do programa. Celebrarase o domingo 8 de maio ás 12 horas. Pola dinámica da acción, as prazas son limitadas, e a inscrición abrirase este luns, 2 de maio. Pode formalizarse a través dos telf. 981 37 00 03 e o 900 100 036 (gratuíto e dispoñible as 24 h) ou correo rosalia.fernandez@contraelcancer.es  ou deportes@concellodevaldovino.com. Hai que sinalar nome e apelidos, data de nacemento e teléfono de contacto.

As persoas participantes deberán cumplimentar o propio domingo o test RAPA (Rapid Assesment of Physical Activity), xa que se realizará un seguemento e avaliación da evolución do seu estado físico.

A partir de entón programaranse novas rutas, con periodicidade quincenal, por diferentes puntos do municipio.

A AECC lémbranos que en España o 44,4% da poboación de 15 ou máis anos non realiza exercicio, ocupando o seu tempo de lecer de forma sedentaria. Trátase dun dos 4 factores de risco máis importantes para a saúde: responsable do 6% das mortes en todo o mundo e potenciador activo para cancros como o de colon e de mama e doutras doenzas como a diabetes e a cardiopatía isquémica.

Con proxectos como as Rutas Saudables xenérase un espazo de actividade física periódico que facilita a adquisición do hábito de realizar exercicio. Ademais, preséntase como un espazo de encontro con outras persoas, aumentando o compromiso coa actividade e favorecendo as relacións persoais tras meses de distancias impostas. Por último, constitúe unha oportunidade única para coñecer mellor, e desfrutar, o territorio.