Concello e adxudicataria avalían os primeiros seis meses do servizo de recollida do lixo tras a entrada en vigor do novo contrato

A empresa renovou 270 colectores verdes para implantar o sistema de carga lateral, e concluirá este mes a substitución do 100% dos amarelos

Valdoviño, 20 de xullo do 2023. Seis meses despois da entrada en vigor do novo contrato de recollida de residuos sólidos urbanos, representantes do Concello e de FCC, a empresa concesionaria, mantiñan unha xuntanza de traballo para avaliar o servizo, facer balance deste primeiro semestre, trasladar queixas veciñais recibidas pola Administración local, e abordar medidas coas que continuar mellorándoo. O Concello investirá no contrato preto de 4,5 millóns na próxima década -444.067,26 euros ao ano-, e na reunión participou o alcalde, Alberto González; o xefe de producción de FCC Medio Ambiente S.A.U. na delegación Noroeste, Manuel Brage; o concelleiro de Servizos, Benito Vega, e os coordinadores asignados pola compañía no municipio.

Neste periodo, FCC instalou 270 contedores verdes -RSU- para implantar nas rutas o sistema de recollida de carga lateral, nun proceso que continuará no tempo coa incorporación de nos colectores. A renovación alcanzará o 100% dos amarelos este mes, despois de concluir estes días a colocación das novas infraestruturas en Vilarrube e coa previsión de iniciar os traballos nos próximos días en Meirás. En paralelo procederase á substitución de todas a papeleiras existentes no municipio por outras novas.

Tamén este mes, e tras quedar formalizada a adquisición, sustituirase un dos vehículos de recollida, con plataforma, para destinalo ao servizo de retirada de enseres voluminosos. En carteira, a renovación dun segundo vehículo en agosto, adaptado para a recollida de carga lateral, e xa no último trimestre do ano, a incorporación dun terceiro vehículo para a recollida con carga traseira.

Dende o inicio da campaña de verán, e coa previsión do aumento de poboación que tradicionalmente rexistra o municipio, reforzouse tamén a frecuencia do servizo de recollida nas zonas de costa. E esta semana comenzaban os traballos de limpeza e baldeado de contedores previstos no contrato.

Tamén se trataron as queixas trasladadas por veciños e veciñas sobre emprazamentos de contedores co ánimo de buscar alternativas se estas son viables dende o punto de vista das rutas e loxística dos vehículos de recollida; necesidade de renovación de máis contedores en puntos concretos ou deficiencias en certos servizos.

Finalmente, a empresa deu conta das melloras salariais aprobadas con carácter retroactivo, dende o inicio do contrato, para os traballadores e traballadoras do servizo.