Concello de Valdoviño e Sociedade Galega de Historia Natural retoman o programa de visitas guiadas á lagoa da Frouxeira
Estudantes de 1º da ESO do CPI Atios participaban onte pola mañá na primeira sesión deste 2025
Valdoviño, 26 de febreiro do 2025. O Concello de Valdoviño e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) retoman o programa de visitas guiadas á lagoa da Frouxeira dirixido a escolares, e onte mesmo, estudantes de 1º curso da ESO do CPI Atios participaban na primeira sesión do ano. O obxectivo é favorecer a aprendizaxe sobre esta espectacular contorna natural, contribuíndo así ao seu coñecemento, respecto e protección.
Para isto, técnicos da SGHN guían os percorridos concertados polos coles á contorna da lagoa. Deste xeito, cun discurso adaptado á idade dos nenos e nenas participantes, os monitores explícanlles a importancia do humidal, centrándose na súa flora e fauna singular, abordan a súa historia e funcionamento ou poñen o acento nas figuras de protección que rixen o territorio, entre outros contidos. E todo, acompañado da observación e de diferentes dinámicas e xogos.
A inscrición no programa está aberta, e os centros interesados en participar deben poñerse en contacto co Concello a través do teléfono 609 66 98 01.
A lagoa da Frouxeira é un dos cinco humidais protexidos en Galicia e conta, ademais, con outras figuras de protección como as de humidal protexido de importancia internacional, zona de especial protección para as aves (ZEPA), zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) e zona de especial conservación (ZEC).