Concello de Valdoviño e Defensa constitúen a comisión de seguemento do convenio de cesión da batería de costa de Campelo

Ambas administracións traballan xa no plan de usos dos terreos

Valdoviño, 30 de novembro de 2021. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, e o delegado do Ministerio de Defensa en Galicia, o coronel Antonio Bernal, presidiron no día de onte a constitución da comisión mixta de seguemento do convenio de cesión da batería de costa de Campelo. Un órgano con participación do Goberno central e do Concello para abordar as liñas de intervención ao amparo do documento asinado a finais do pasado mes de maio.

Esta primeira xuntanza tamén serviu para tratar as actuacións que se recollerán no plan de usos, documento hoxe en fase de redacción. Ademais, o alcalde aproveitou a presenza do representante do ministerio para trasladarlle a necesidade de seguir traballando para lograr a adquisición da antiga estación de radio da Carreira por parte do Concello. 

CONVENIO CESIÓN

O acordo asinado en maio en relación á batería de costa de Campelo establecía unha cesión por 25 anos ampliable, así como a posibilidade de que o Concello se faga coa propiedade no primeiro ano. A cambio, a Administración local comprométese a actuar na valorización deste antigo equipamento militar. Un obxectivo no que tamén resultará clave a implicación da Xunta, xa que a maior parte da zona atópase baixo protección de Rede Natura 2000, co que será preciso a súa autorización.

A cesión de uso esténdese a todos os terreos e instalacións da propiedade, o que inclúe o antigo edificio de acuartelamento amáis das pequenas edificacións existentes. No seu conxunto, unha extensión superior aos 600.000 metros cadrados.